A escravitude nas colonias hispánicas e na Península, unha realidade silenciada

 

Transporte de escravos a América

Non é moi habitual atoparse nos libros de texto con explicacións sobre a trata de escravos e o comercio destes por parte de España, xa que é un tema moi silenciado. Porén, iso non quere dicir que tales feitos non ocorresen, pois hai numerosas probas que demostran a súa existencia.

Sábese que en África existiu a escravitude desde a Antigüidade, pois xa nos tempos do Antigo Exipto existían escravos que traballaban para o faraón. Pero a idea de escravitude espallouse sobre todo a partires do século XV, tras o descubrimento de América, xa que era preciso unha abundante man de obra para traballar todas as terras que se ían invadindo no novo continente descuberto. Deste xeito, aumentaría o comercio español grazas ao intercambio de todos eses novos produtos e alimentos que aportaba o territorio americano, o que enriquecería notablemente ao país. Así, a partir dese momento, as potencias europeas (inicialmente España e Portugal), comezaron a tratar o territorio africano como subministro de man de obra, transportando escravos desde África ata América coma se de obxectos se tratasen. Este foi o inicio do comercio de escravos, que se produciu de maneira paralela á invasión americana a partires de 1492. Este comercio de escravos supuxo que máis de 12 millóns de seres humanos fosen transportados desde África ata as Indias para seren vendidos posteriormente como escravos. Neses traxectos polo Atlántico, os africanos viaxaban en condicións de sede, fame, enfermidade e terror psicolóxico. Ademais, eran transportados en bodegas e estímase que unha cuarta parte deles morría durante esta travesía atlántica.

A presenza dos novos escravos foi moi notable en toda a rexión do Caribe, destacando Porto Rico e Cuba. Co tempo, algunhas das colonias hispánicas foron independizándose e a escravitude africana foi desaparecendo ao longo do século XIX nas repúblicas que se ían formando. Por outro lado, en Cuba e Porto Rico aínda non se apreciaban moitos cambios.

Tras a Revolución Gloriosa de 1868, que deu paso ao Sexenio Democrático, puido espallarse por España a opinión abolicionista. Paralelamente aos cambios que se producían na metrópole, en Cuba e Porto Rico leváronse a cabo levantamentos nacionalistas; tamén eles querían acadar a independencia que alcanzaran outros territorios da zona. Así, en 1870 as Cortes españolas aprobaron a Ley preparatoria de abolición da escravitude que elaborara o Goberno liberal-demócrata presidido por Prim. En 1873 a Primeira República aprobou a extinción da escravitude en Porto Rico. Máis tarde, en 1880, iniciouse o proceso de abolición da escravitude en Cuba coa aprobación da Ley do Patronato. Este proceso finalizou en 1886 cando o Goberno liberal de Sagasta, xa no período da Restauración, declarou extinguida a escravitude en Cuba.

Aínda que finalmente se conseguiu a abolición tan esperada, España foi un dos últimos países en liberar as súas colonias, pois EEUU e outros países europeos xa o fixeran vinte anos antes. Unha excepción foi Brasil, que puxo fin á escravitude en 1888.

Pero que era o estaba a ocorrer cos escravos na Península Ibérica durante o século XIX? Para comezar, hai que dicir que a escravitude foi unha institución legal e presente na España peninsular (e polo tanto tamén nos arquipélagos balear e canario e en Ceuta e Melilla) ata marzo de 1837.             Porén, non houbo unha lei que abolira a escravitude en España. É certo que se ilegalizou o 8 de marzo de 1837 coa publicación na Gaceta de Madrid do “Ditame da Comisión de Lexislación sobre abolición da escravitude”, mais iso non supuxo a inexistencia de dita escravitude.  Tal e como ocorreu coas colonias hispánicas, 1837 tamén supoñía, en clave europea, unha data tardía para a abolición da escravitude. Isto quere dicir que España foi dos últimos países en suprimir a escravitude tanto no exterior coma no interior.

A cidade española na que había máis escravos no ano da súa ilegalización era Cádiz. O escritor Arturo Morgado realizou un estudo sobre o peso da escravitude nesa capital andaluza. No seu estudo, Morgado recolle un total de 19 anuncios publicados entre 1803 y 1805 no Diario Mercantil de Cádiz, todos de compra-venda de escravos. Un exemplo é o da seguinte imaxe:


Diario Mercantil de Cádiz, 11.12.1819

Outro autor, José Miguel López García, centrouse en analizar a situación da escravitude en Madrid entre 1701 y 1837. Sostén que tres factores fixeron desaparecer a escravitude nas primeiras décadas do século XIX: o colapso da trata legal (en 1837), a fin do Estado absolutista (co comezo do reinado de Isabel II) e a formación do mercado de traballo asalariado.

En canto a Barcelona, no Diario de Barcelona obsérvanse entre 1791 y 1822 tanto anuncios de venda de escravos como ofertas de traballo publicadas por “negros” e “negras” probablemente libres (algúns antigos escravos recentemente liberados). Un exemplo é o seguinte anuncio:

, no Diario de Barcelona obsérvanse entre 1791 y 1822 tanto anuncios de venda de escravos como ofertas de traballo publicadas por “negros” e “negras” probablemente libres (algúns antigos escravos recentemente liberados). Un exemplo é o seguinte anuncio:


As palabras que se empregaban tanto na prensa como na documentación notarial para identificar ás persoas escravizadas eran as de “negro”, “negra”, “negrito”, “negrita”, “mulato” ou “mulata”, e non as de “escravo” ou “escrava”. A identificación entre “negritude” e “escravitude” deses anuncios indica que naqueles tempos as persoas escravizadas eran todas de orixen africano. Cabe ter en conta que o uso de determinados termos como “negrito” ou “mulata” evitaba o uso doutras palabras máis precisas (“escravo” ou “escrava”) pero cunha maior carga moral negativa, cousa que os propietarios ou funcionarios públicos preferían evitar.

O segundo artigo do ditame de marzo de 1837 dicía así: “Todo escravo, calquera que sexa a súa procedencia, adquire a súa liberdade polo mero feito de pisar o territorio expresado no anterior artigo, é dicir, a Península, illas adxacentes e posesións de España en África”. O terceiro artigo engadía: “As autoridades dos portos de mar e pobos da fronteira velarán para que teña efecto o disposto nos artigos anteriores, concedendo aos escravos que cheguen a aqueles toda protección e amparo”. A partir de 1837, o feito de pisar territorio peninsular debía servir, polo tanto, para que calquera persoa escravizada en América alcanzase a liberdade. Non obstante, sábese que aínda existían casos de compra e venda de escravos entre a Península e algunha colonia americana, mais algúns deses casos remataron en tribunais españois, que obrigaron aos “donos” dos escravos a liberar a estes últimos.

Hai tamén documentos que afirman a existencia de varias mulleres que viviron en Barcelona na década de 1870 e que aínda estaban sometidas a unha institución como a escravitude (en teoría prohibida desde 1837).

Polo tanto, vemos que hai unha liña bastante difusa entre o que se supón que pasou e o que en realidade ocorreu respecto á escravitude en España. Non obstante, o tema non é de gran preocupación para moitas persoas debido á escasa información recibida sobre o tema, unha mostra máis de que tan só se conta o que interesa que sexa recordado sobre a historia dun país, suprimindo así as partes que non interesa que sexan expostas ou ben presentándoas sempre como problemas alleos.

María Pardo Ventureira

 

Bibliografía

- León, Alberto (19/01/2020), “Esclavitud, un episodio silenciado de la historia de España”, dispoñible en: https://www.rtve.es/noticias/20200119/esclavitud-espana-episodio-oculto-nuestra-historia/1995828.shtml

- Martínez Carreras, José U. (1985), “La trata de negros”, Cuadernos de Historia 16, Nº 159, páx. 4-32.

- Piqueras, José Antonio (2017), La esclavitud en las Españas. Un lazo transatlántico, Madrid, Ed. Catarata.

- Rodrigo y Alharilla, Martín (9/01/2021), “Los últimos esclavos en la Cataluña del siglo XIX”, dispoñible en : https://conversacionsobrehistoria.info/2021/01/09/los-ultimos-esclavos-en-la-cataluna-del-siglo-xix/

- Tedde de Lorca, Pedro (07/09/2012), “La corona española y el tráfico de negros”, dispoñible en: https://elcultural.com/La-corona-espanola-y-el-trafico-de-negros


Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

1625 e a rendición de Breda