Camilo de Dios. O último guerrilleiro de Galiza

Introdución: a guerrilla e os maquis 

Tras o remate da Guerra Civil española (no ano 1936) que deu paso á ditadura franquista, xorden en todo o territorio do Estado un conxunto de movementos de resistencia ao réxime ditatorial, que reciben o nome de guerrilla antifranquista ou maquis. Por extensión, a palabra maquis fai referencia a este movemento, pero tamén ás persoas que, motivadas por diversas razóns ou posturas políticas, fixeron fronte ao exército golpista. É dicir, un maquis é ​unha persoa que pertencía á resistencia armada unha vez rematada a guerra civil española. 

Os maquis en Galiza 

En Galiza, a guerrilla estivo protagonizada por mulleres e homes que optaron por botarse ao monte, dispostos a percorrelos enteiros coa finalidade última de derrocar o réxime e alcanzar de novo a democracia. Organizados en pequenos grupos, moitas veces disfrazados de curas, gardas civís etc. para pasar desapercibidos, levaban a cabo misións na clandestinidade para, como xa foi dito, desestabilizar o réxime e sobrevivir. Tamén foi moi importante neste movemento o papel das mulleres, moitas veces esquecido. Tal e como afirma Aurora Marco, aínda que houbo algunhas mulleres que participaron nas misións e nos combates, a maioría levaban a cabo accións menos visibles pero igual de importantes: actuaban como “enlaces” ou encargábanse de actividades esenciais para a supervivencia dos guerrilleiros, como levar correos, avisar da situación da garda civil, conseguir armas ou comida... Nomes como o de Foucellas, Gardarríos, Piloto etc. (todos eles referenciados no libro de ​Fuxidos de sona de Carlos G. Reigosa) personifican este movemento. Non obstante, neste caso centrarémonos na figura de Camilo de Dios, o último guerrilleiro de Galiza. 

A figura de Camilo de Dios 

Camilo de Dios naceu no ano 1933 en Sandiás, na provincia de Ourense, no seo dunha familia obreira. Seu pai foi fundador do PCE nesta mesma vila, e Camilo “aos doce anos xa exercía de enlace, coma a súa nai e o seu irmán”, segundo afirma Enrique Mariño no diario Público.​ Esta historia familiar custoulle moitas adversidades: tal e como afirma o propio Camilo no documental ​Camilo: o último guerrilleiro de Galicia​, nin sequera o cura da parroquia lle permitiu acceder á primeira comuñón “por ser fillo de roxos”. Estas circunstancias, agravadas polo feito de que unha veciña de ideas falanxistas se achegase ao velorio do seu pai para cantar o himno falanxista ​Cara al sol​, fixeron que nacese nel un espírito de rebeldía que, unido á necesidade, o obrigaron con quince anos a fuxir e esconderse nomonte​.

C​omo moitos outros homes e mulleres, tivo que abandonar a súa casa para loitar contra os aliados de Franco sen ter nin sequera unha ideoloxía política consolidada, pois o único que buscaban era evitar as represións que estaban a sufrir. 

Os maquis, como afirma Camilo no documental dedicado á súa persoa, moitas veces eran civís sen formación militar. Non obstante, cando se unían á guerrilla recibían cursos que consistían en clases de tiro, manexo de armas, concienciación política etc. Tampouco tiñan demasiados coñecementos ideolóxico-políticos os gardas e o resto dos membros da falanxe: non sabían quen era Mussolini. A proba disto está no documental d’​A cidade da selva cando Camilo de Dios conta a anécdota de que fora detido por contarlle a un tío seu que o xeneral fascista falecera. ​En concreto, a historiadora Carmen García Rodeja cualifica a historia deste guerrilleiro no monte como “heroica”. Algún dos seus actos que verifican esta afirmación son o intento de rescatar en 1948 a José Gómez Gayoso (secretario xeral do PCE en Galicia) e a Antonio Seoane (xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia). 

Camilo de Dios foi encadeado numerosas veces en diferentes prisións (na Coruña, en Cantabria, en Madrid...). Foi torturado durante 59 días antes de ingresar na prisión coruñesa. Quitáronlle as uñas, fixéronlle cortes de navalla para, segundo os torturadores, comprobar como era o sangue dos “roxos”. Segundo o seu testemuño, o único que facía nestes intres era maldicir as nais dos falanxistas para intentar que lle pegasen un tiro e rematar co sufrimento, un tiro que nunca chegou. Tal e como se relata no documental ​Camilo: o último guerrilleiro de Galicia, pese a que o condenaron a morte nun consello de guerra da Coruña, as autoridades conmutaron a pena por 30 anos de cárcere debido á súa corta idade: só tiña 17 anos. 

Conclusións 

Aínda que dende o bando franquista se describe o movemento maquis como un movemento de “bandoleiros”, estas agrupacións de persoas contrarias ao réxime representan un exercicio de resistencia á barbarie da ditadura. Estes escapados só tiñan unha forma de combater a violencia que o bando falanxista exercía sobre eles: responder con máis violencia. Por tanto, como xa citei anteriormente, eran preparados para disparar armas de fogo, aínda que, como di o entrevistado no documental, non lles gustaba que houbese mortos en ningún dos dous bandos, mais non había outra forma de defenderse. 


Bieito Puentes Carro

Bibliografía 

Marco, Aurora, ​Mulleres na guerrilla antifranquista galega​, Santiago de Compostela, Laiovento, 2011. 

Mariño, Henrique, ​Camarada Camilo: guerrilleiro antifranquista​. Madrid ​15/6/2017​. Diario Público:​ ​https://www.publico.es/politica/camilo-dios-guerrillero-antifranquista.html

Reigosa, Carlos G., ​Fuxidos de sona​,​ ​Vigo, Ed. Xerais, 1989.


Sánchez, Alba (produción) e outros, Camilo: o último guerrilleiro de Galicia​. 2020. Documental dispoñible en: ​https://www.youtube.com/watch?v=XsQ11AI0aB4

Villares, Helena e Pilar Faxil (dir.), ​A cidade da selva,​ 2006. Documental dispoñible en DVD. 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

La Constitución de 1931