O conflito entre Marrocos e a Fronte Polisario



O conflito do Sáhara Occidental é unha das loitas máis coñecidas do continente africano e actualmente vive o seu peor momento. 

A primeira vez que España tivo presenza en territorio saharauí foi o 4 de novembro de 1884, na península de Río de Oro, e o 26 de decembro dese mesmo ano deu comezo a súa colonización sobre o Sáhara Occidental. Así llo comunicaba ás demais potencias coloniais. 

Máis adiante, en 1885, as potencias europeas reparten África na Conferencia de Berlín e aceptan a reclamación española do seu dereito histórico sobre o territorio occidental saharauí. Así, España quedaba co Sáhara, Guinea, e algunhas zonas de Marrocos.
O interese de España pola rexión desértica é evidente se temos en conta a súa proximidade a Canarias e a riqueza pesqueira nas súas costas. 

O 27 de xuño de 1900, Francia e España establecen a delimitación das fronteiras do actual Sáhara Occidental, acordando o mapa definitivo do territorio, e en 1912 no Tratado de Fez, determínase que Francia queda con Marrocos e España co Rif, Ifni e a zona de Tarfaya como protectorado. 

O 14 de decembro de 1955 España comeza a formar parte das Nacións Unidas, mais, pouco despois, o 2 de marzo de 1956, Marrocos consegue a súa independencia e non tardará en reclamarlle a ONU, como parte integrante de Marrocos, o Sáhara Español, Ifni e Mauritania. O 10 de xaneiro de 1958 Franco declara provincias españolas Sáhara e Ifni. 

Con esta xogada, a ditadura intentou fuxir das obrigas de descolonización que o dereito internacional lle impoñía, pero en 1960, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Resolución 1514, coñecida como Declaración sobre a concesión da independencia aos países e pobos coloniais, que pedía a descolonización e o dereito de autodeterminación. Poucos anos despois, a ONU confirmou o dereito inalienable do pobo saharauí á autodeterminación do Sáhara Occidental. 

A ONU chamaba á descolonización do territorio, pero España cada vez respondía con máis “provincialización”, pois defendía que os territorios que se atopaban baixo administración española se tiñan que considerar provincias españolas, o que significaba entón que España non posuía territorios non autónomos e polo tanto, susceptibles de ser sometidos a proceso de descolonización. Ante a situación, comezou a aflorar entre a poboación o sentimento nacionalista saharauí. 

A partir dese momento, comeza a organizarse un movemento independentista saharauí encabezado por Mohamed Sidi Brahim Basir, coñecido popularmente como Bassiri. Nun principio, Bassiri apoiou unha descolonización do territorio, pero sen acadar a plena independencia. O 17 de xuño de 1970, as autoridades españolas reprimiron brutalmente unha manifestación saharauí en Zemla (un barrio de El Aaiún; cidade máis importante e considerada capital do Sáhara Occidental). Días máis tarde e para protexer ao seu líder, varios dirixentes intentaron que Bassiri fuxira a Mauritania para evitar ser detido, pero este se negou. Varias semanas despois desapareceu en circunstancias nunca esclarecidas.

Nese intre, o xeito pacífico de acadar a autonomía deslexitimouse completamente. En 1973, varios estudantes saharauís inspirados noutros movementos de liberación nacional do mundo árabe, decidiron crear o Frente Polisario (Fronte Popular para a Liberación de Saguia al-Hamra e Río de Ouro) que tiña como obxectivo principal acabar co dominio colonial español. 

En 1974 o goberno da ditadura informou á ONU da súa intención de celebrar un referendo de autodeterminación baixo a súa tutela. Non obstante, Marrocos opúxose á celebración do referendo e reivindicou o seu dereito sobre o Sáhara Occidental. O daquela rei Hassan II, para atrasar a situación no tempo, levouna á Corte Internacional de Xustiza (CIX). Na súa opinión, a CIX rexeitou a postura marroquí e afirmou que o pobo do Sáhara Occidental tiña dereito á autodeterminación. 

Como consecuencia, o 6 de novembro de 1975, Hassan II promoveu a chamada Marcha Verde cara ao Sáhara, na que mobilizou a 350.000 civís marroquís. Despois desa operación, España, temerosa sobre todo pola agonía do franquismo, cun ditador morrendo e que fora a principal mente pensante de todo o proceso de colonización, cedeu, faltando á súa propia palabra, o norte e o centro do Sáhara Occidental a Rabat e a Mauritania o sur. Coa morte de Franco o 20 de novembro de 1975, España abandona definitivamente o Sáhara Occidental e, á vez, Marrocos comeza a reprimir e a expulsar a toda a poboación saharauí. 

A principios de 1976 as forzas armadas marroquís bombardearon brutalmente numerosos campos de refuxiados saharauís. Gran parte da poboación fuxiu a Alxeria e instalouse en campos de refuxiados na cidade fronteiriza de Tinduf. Desde entón Alxeria converterase no principal aliado da Fronte Polisario e inimigo número un de Marrocos. O 26 de febreiro de 1976 os últimos soldados españois abandonaron o Sáhara Occidental. Ao día seguinte, a Fronte Polisario proclamou a República Árabe Saharauí Democrática (SADR) e entrou en guerra con Marrocos e Mauritania. Contou co apoio de Alxeria e tamén de Cuba e Sudáfrica, os seus aliados históricos. 

Así, a fronte asinou a paz con Mauritania en 1979 pero con Marrocos mergullouse nunha guerra na que tardou 16 anos en emerxer, ata o “alto el fuego” de 1991, cando creou a Misión das Nacións Unidas para o referendo no Sáhara Occidental, coñecida como Minurso. 

Vinte nove anos despois e reclamando este referendo de autodeterminación, uns 50 civís saharauís mantiveron bloqueada a estrada de acceso a Mauritania desde o 21 de outubro ata o 13 de novembro deste mesmo ano. Non obstante, Marrocos só está disposto a conceder un réxime autónomo ao Sáhara Occidental.

O Polisario cre que a ONU non exerce correctamente o seu labor de mediación permitindo a Marrocos manter e aumentar as transaccións comerciais nun territorio en disputa. Para o Fronte Polisario, este comercio tradúcese nun “espolio de recursos naturais” do Sáhara. 

Sen dúbida, os recursos naturais xogan un papel enorme no conflito. O Sáhara Occidental ten un dos xacementos de fosfato máis importantes do mundo. Ademais, a costa saharauí ten un dos caladoiros máis sobresaíntes do Atlántico. Así mesmo, numerosas multinacionais levaron a cabo prospectos co obxectivo de atopar gas ou petróleo. 

En conclusión, a loita saharauí continúa moitos anos despois a todos os niveis; continúa tanto nos territorios ocupados, como nos campos de refuxiados, así como a nivel diplomático. Pola súa banda, a estratexia de Marrocos baixo o reinado de Mohamed VI segue a ser silenciar o conflito. Os estreitos lazos da coroa co Sáhara Occidental poñerían en perigo a institución se se perdese o territorio. 

Alejandra Beiroa

 

Bibliografía 

  •  “43 años de conflicto en el Sáhara Occidental” do portal virtual sobre política internacional “Descifrando la Guerra”, dispoñible en: https://www.descifrandolaguerra.es/43-anos-de-conflicto-en-el-sahara- occidental/ 
  • “Guerra del Sáhara Occidental” de Wikipedia, dispoñible en: https://es.wikipedia.org/wiki/Guerra_del_Sahara_Occidental 
  • Perejil, Francisco: “Claves del conflicto entre Marruecos y el Frente Polisario”, elpais.com, 17.11.2020. Dispoñible enhttps://elpais.com/internacional/2020-11- 16/claves-del-conflicto-entre marruecos-y-el-frente-polisario.html 
  • “Una mirada al Sáhara Occidental”, dispoñible na páxina oficial: https://saharaoccidental.es/sahara/ 





Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

La Constitución de 1931