O desastre do 98



España na segunda metade do século XIX conservaba do seu antigo imperio as Filipinas, Cuba e Porto Rico. Cuba era un dos territorios máis importantes. Co destronamento de Isabel II un grupo de independentistas cubanos aproveitou a ocasión e co famoso grito de “Viva Cuba libre” desatouse en Yara en 1868 unha revolta guiada por Carlos Manuel de Céspedes. Esta situación tardou moito en reconducirse e grazas ao xeneral Martínez Campos, en 1878 moitos insurxentes aceptaron a paz no cuartel español de San Agustín de Zanjón poñendo así fin á Guerra dos Dez Anos. 

Esta paz non duraría moito xa que en 1895 os independentistas volveron á carga capitaneados por José Martí, quen fundou o Partido Revolucionario Cubano. Os cubanos volveron gritar o “Viva Cuba libre” pero esta vez en Baire o 24 de febreiro de 1895, levantamento onde Martí sería unha figura moi importante. Irrumpirían dunha maneira máis organizada xa que esta vez levantaríanse en máis de 35 localidades. Martí morreu abatido pola infantería española o 19 de maio dese mesmo ano. O goberno de Cánovas decidiu enviar outra vez a Martínez Campos para deixar atrás as revoltas pero esta vez o xeneral atopouse cunha forza que era xa incontrolable así que meses despois e en vista da súa incapacidade para resolver esta situación dimite e volve a España. O xeneral Martínez Campos será substituído por Weyler, quen sería nomeado capitán xeral de Cuba en febreiro de 1896 e quen tería unha xestión desastrosa. Foi retirado deste cargo en outubro de 1897 cando Sagasta substituíu ao asasinado Cánovas no Goberno. 

Sagasta dicta unha Carta de Autonomía para Cuba e outra para Porto Rico e consigue chegar a un acordo cos rebeldes filipinos que se levantaran en armas contra a metrópole e todo parecía por fin arranxado ata que Estados Unidos entra en xogo buscando mercar Cuba e Porto Rico, proposta rexeitada pola raíña María Cristina e o Goberno español. Esta decisión acabaría cunha guerra que España xa perdera antes de comezar, xa que a pesar do envío de numerosas tropas o exército español presentaba grandes carencias que se viron agravadas polo apoio que as insurreccións recibiron dos Estados Unidos que buscaban desprazar a España da zona do Caribe e do Pacífico.

O 25 de xaneiro de 1898 o acorazado norteamericano Maine entrou nuha baía de La Habana, o goberno estadounidense afirmou que se trataba dunha visita rutinaria que era habitual ata facía poucos anos. Tres semanas máis tarde, o 15 de febreiro, ás 21:40 horas, o Maine voaba polo aire. Unha explosión sacou da auga a metade do buque, e este afundiuse xunto á boia onde estaba ancorado na baía, apenas a unha decena de metros de profundidade. Con isto o Goberno dos EEUU mandou un ultimato ao Goberno de España para que renunciase ao seu dominio sobre Cuba. Finalmente o Goberno de España declaroulle a guerra aos Estados Unidos.

A guerra foi rápida e contundente polas grandes diferenzas entre os dous exércitos xa que os estadounidenses eran unha forza catro veces superior e moito máis moderna que a española. Os lugares onde se desenvolveron as batallas foron Santiago de Cuba, Cavite e Manila, onde en poucos días se produciu unha rápida e contundente derrota. Tras a derrota da Mariña española e o desembarco das tropas norteamericanas en Cuba, Porto Rico e Filipinas, o Goberno español, ante a superioridade militar á que se enfrontaban, solicitou o armisticio.

Acabouse asinando o Tratado de París o 10 de decembro de 1898 dando por finalizada a guerra entre España e os Estados Unidos. España entregou Cuba, Porto Rico, Filipinas e as illas Guam aos Estados Unidos e a cambio recibían unha compensación de 20 millóns de dólares. A parte tamén venderon a Alemaña en 1899 o resto das posesións españolas no Pacífico (illas Marianas e Carolinas). Así desaparecía o imperio colonial español no Pacífico e en América.

Esta derrota foi cualificada como o desastre do 98 e causou un forte impacto na opinión pública, partidos políticos, intelectuais e nas clases medias. Tamén os militares sentíronse frustrados e responsabilizaron aos políticos do fracaso. As clases populares respiraron tranquilas pon non ter que enviar aos seus fillos a morrer a Cuba.

Mario Grandío Roc


Bibliografía

·      García-Balañà, Albert (2018), “1895. Antes del Desastre: el Grito de Baire y la Guerra de Cuba”, Historia mundial de España, Madrid, Taurus.

·      Moreno Luzón, Javier (1991), "Desastre del 98",  Enciclopedia de Historia de España. Tomo V. Diccionario temático, Madrid, Alianza Editorial, páxs. 402-403.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

1625 e a rendición de Breda