A expulsión da Compañía de Xesús (1767)



A Compañía de Xesús sufriu sonadas disolucións, e posteriormente expulsións, ao longo da súa historia.

 A primeira, e quizais a máis coñecida, foi a expulsión co decreto do 3 de abril de 1767, firmado por Carlos III en plena época do despotismo ilustrado. 

Detrás da expulsión albiscábanse as teorías regalistas e absolutistas, que non toleraban a existencia dunha orde tan poderosa coma a dos xesuítas, de obediencia papal. Un verdadeiro Estado dentro dun Estado.

Entre a noite do 31 de marzo e a mañá do 2 de abril, levouse a cabo unha operación secreta, rápida e eficaz que clausurou todas as casas xesuítas e incomunicou aos seus membros.

Aínda que a Compañía de Xesús non atravesaba o seu mellor momento, pois fora acusada de inducir á baga de motíns do ano anterior, ninguén esperaba esa reacción por parte do Goberno. De feito, as múltiples  reunións que realizaran permaneceron en secreto. Tampouco se divulgou o contido da carta pechada que o Conde de Aranda remitiu a todos os xuíces ordinarios e tribunais superiores de todas aquelas poboacións nas que había establecementos xesuítas (máis de 120). Dita carta non podía abrirse ata a mesma noite do primeiro de abril e nela especificábanse as instrucións para realizar a expulsión. 

Con este modo de actuar tratábase de paralizar calquera manobra de protesta por parte dos numerosos simpatizantes da Compañía, sobre todo da nobreza e das clases populares. Tamén se quería evitar que os xesuítas puidesen fuxir, ceder ou vender os seus bens, ou desfacerse dos seus arquivos e papeis comprometedores, posto que as ordes reais incluían a confiscación dos bens, o que se coñece como as «temporalidades» da Compañía.

Clausuradas as casas xesuítas, os notarios deron lectura ao decreto de expulsión, procedendo a requisar as súas riquezas e  a inventariar os diferentes bens. O decreto acusábaos de perturbar a orde pública, de maneira que aparecían condenados coma inimigos políticos. Por isto, dispúxose o seu traslado a diferentes portos de embarque, co fin de envialos aos Estados Pontificios.

As tropas acompañáronos durante todo o traxecto. Nas cidades polas que pasaron, as autoridades civiles encargáronse de manter a orde e evitar calquera manifestación popular contra esta expulsión. A incomunicación dos xesuítas ao longo da viaxe foi total. Unicamente quedaron en España os procuradores das diferentes casas da Compañía, co fin de axilizar os inventarios ante os axentes. Unha vez finalizada a labor, partiron inmediatamente ao exilio.

Carlos III actuou nun plan de plena legalidade, apoiándose na regalía de dereitos, ante a inexorable ameaza xesuíta sobre as terras españolas. O Rei actuou dende un principio sen contar co permiso do Papa Clemente XIII. 

Cando este soubo que os expulsados ían cara aos Estados Pontificios, negouse a recibilos, apelando ao momento  de aguda carestía que estaban a pasar. Temía alteracións de orde público. 

Entón plantexouse a posibilidade de descargar aos xesuítas na illa de Elba, pero pareceu mellor opción desembarcalos na illa de Córcega. A diplomacia española tería que pactar con Francia e con Xénova, posto que na illa reinaba un  ambiente de gran tensión

Entre os xesuítas comezou a estenderse a desesperación tras o fracaso do desembarco nos Estados Pontificios. Ademais, os patróns dos navíos so foran contratados para a viaxe ao citado porto e tiñan compromisos comerciais posteriores. Moitos xesuítas pasaron a outros barcos, nos cales se aglomeraron aínda mais. Marcharon finalmente cara Córcega onde foron recibidos polas tropas francesas a punta de canón, impedíndolles o desembarco. Os barcos estiveron rodeando a costa corsa durante varios meses, enfrontando o calor do verán e as frecuentes tormentas.

Finalmente, a partir de intensas negociación, os xesuítas puideron desembarcar na illa, entre xullo e setembro de 1767. Alí pasaron pouco mais dun ano en condicións lamentables. Entre outubro e novembro de 1768 foron expulsados polos franceses, sendo trasladados finalmente a Italia, co consentimento do Papa. Alí, dispersáronse por distintas poboacións coma Bolonia, Ravena, Forli o Ferrara, onde habitaron ata 1773-1774.  

Trala morte  de Clemente XIII, foi nomeado Papa Clemente XIV, un declarado antixesuita. O novo pontífice asinou a extinción canónica da Compañía de Xesús.

A Compañía de Xesús volveu a  España en tempos de Fernando VII, despois de ser restablecida polo Papa Pío VII. En anos posteriores, sería novamente suprimida a orde (durante o Trienio Liberal e a Revolución de 1868), resultando ser a Restauración borbónica o seu período mais longo e frutífero.

A historia das expulsións dos xesuítas na época contemporánea debe enmarcarse no conflito entre o laicismo e o anticlericalismo do liberalismo progresista e a defensa da vinculación da relixión co Estado, promovida polos sectores mais conservadores do liberalismo. Isto culminaría na Segunda República, o único sistema político español que estableceu a completa separación entre a Igrexa o Estado.

O artigo 26 da Constitución de 1931, declaraba suprimidas aquelas ordes relixiosas que nos seus estatutos incluíran o voto de obediencia a unha autoridade distinta  do Estado. Os seus bens debían ser nacionalizados e dedicados a fins benéficos e docentes. Ademais, a Compañía de Xesús era un dos puntais mais activos da Igrexa en materia educativa, considerándose que exercía o proselitismo. Por outra banda, defendía ás clases sociais elevadas e a orde inxusta imposta secularmente polas mesmas.

En moitos lugares os xesuítas intentaron sobrevivir nunha sorte de certa clandestinidade. Os que dedicaran á docencia seguiron ensinando en academias, subvencionadas e protexidas polo antigos alumnos, pais e simpatizantes dos xesuítas, de elevada condición socioeconómica.

Esteban Lugo Padín



Bibliografía

·       Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. “La expulsión de los jesuitas de España (1767)”cervantesvirtual.com Dispoñible en:http://www.cervantesvirtual.com/portales/expulsion_jesuitas/expulsion_espana/

·       Montagut, Eduardo. “La disolución de la Compañía de Jesús en la II República”nuevatribuna.es 29.07.2016. Dispoñible en https://www.nuevatribuna.es/articulo/historia/disolucion-companhia-jesus-ii-republica/20160729170102130492.html

·       “Expulsión de los jesuitas” en Wikipedia. https://es.wikipedia.org/wiki/Supresi%C3%B3n_de_la_Compa%C3%B1%C3%ADa_de_Jes%C3%BAs

·       Alfeirán Rodríguez, Xosé; Brea Pedreira, Ana; Romero Masiá, Ana (2016),  Historia de España-Segundo Curso de Bacharelato, Ed. Baía Edicións.

·       Molas Ribalta, Pere. “El Estado absoluto y sus instituciones”. Madrid, Cuadernos de Historia 16, 1985.   


Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

1625 e a rendición de Breda