Matanza dos avogados de Atocha

 


O pasado 24 de xaneiro celebrouse o 44 aniversario dun dos moitos acontecementos que marcaron a Historia de España, o asasinato dos avogados de Atocha. O sucedido esa noite de inverno de 1977 foi a última traxedia na recta final contra a loita do franquismo, o preámbulo para recuperar a democracia.  Para entender os feitos acontecidos nesa data, hai que remontarse tempo atrás...

A loita comezou o 18 de xullo de 1936, cando o xeral Francisco Franco se levanta en armas contra o goberno lexitimamente constituído. Durante os 40 anos seguintes, sucedéronse en España diversas accións por recuperar a liberdade. 

No ano 1956, o Partido Comunista de España (PCE), partido ilegal que encabezaba dende o interior do país as mobilizacións de oposición ao réxime, lanza o que os seus dirixentes denominan a Política de Reconciliación Nacional, un gran cambio estratéxico no que se cambian as formas de combater o franquismo. Xa non era suficiente os enfrontamentos bélicos e a loita armada, senón que había que tenderlle a man a aqueles colectivos profesionais, como o movemento obreiro, o universitario e outros, para que puidesen organizarse co fin de combater a falta de liberdade.

O 20 de novembro de 1975, tras a morte de Franco, vai a comezar un proceso denominado “Transición democrática”. Unha vez falecido o ditador había que evitar que o franquismo se perpetuase e tratar de acadar un espazo de liberdade no que convivisen tódalas forzas políticas do noso país.

Ese mesmo día, seguindo as disposicións establecidas por Franco, puxéronse en marcha os mecanismos legais para garantir a continuidade do réxime franquista, na figura de Xoán Carlos de Borbón. O 27 dese mesmo mes realizouse a cerimonia de coroación do rei. Xoán Carlos I iniciou o seu reinado mantendo como presidente do Goberno a Carlos Arias Navarro.                                

Neste primeiro Goberno da Monarquía estaban representadas todas as familias do réxime franquista, así como personalidades de prestixio reformistas. Aínda así, desenvolveuse unha política continuísta consistente na defensa da permanencia do modelo franquista, cunha concesión mínima de dereitos.

Diferentes conflitos con numerosos mortos e feridos proxectaban ante o mundo o rostro cruel dun goberno agónico. As respostas autoritarias ante os conflitos, a reforma e a oposición que esixía o restablecemento inmediato da democracia e a ruptura coas institucións do sistema franquista, fixeron que o 1 de xullo de 1976 Arias Navarro presentase a súa dimisión.

Ao primeiro goberno de Arias Navarro o substitúe o encabezado por Adolfo Suárez, que parecía representar unha liña contínua do franquismo. Pero as críticas recibidas polo seu nomeamento obrigaron a Suárez a explicarlle ao país os seus obxectivos, insistindo nos seus procesos de democratización e anunciando a próxima celebración das eleccións xerais. O 15 de decembro de 1976, Adolfo Suárez convoca un referéndum para a Reforma Política. Esta reforma vai ser finalmente promulgada o 4 de xaneiro de 1977.

Na oposición a Suárez e ao seu programa de reformas destacaron dúas frontes moi opostas, a dos políticos franquistas e grupos de estrema dereita, e a dos grupos ETA e GRAPO. Paralelamente, o Goberno de Adolfo Suárez foi tomando outras medidas reformistas polémicas que provocaron a reacción da ultradereita e da ultraesquerda. As protestas destes grupos contra os cambios acadaron o punto álxido a finais do mes de xaneiro de 1977, semana coñecida como “a semana negra da transición”.

O 23 de xaneiro, un día antes do sucedido en Atocha, a ultradereita asasinou dun disparo polas costas ao estudante Arturo Ruiz, no transcurso dunha manifestación a favor da amnistía para os presos políticos. 

Ao día seguinte, os cidadáns erguéronse coa noticia do secuestro do Tenente Xeneral Villaescusa, presidente do Consello Supremo de Xustiza Militar, acción realizada por GRAPO. Ao mediodía, noutra manifestación de repulsa polo asasinato do día anterior, un bote de fume lanzado pola Policía impacta sobre a estudante universitaria Mariluz Nájera, causándolle a morte. 

No territorio español, concretamente en Madrid, acumúlase unha forte tensión que culminará nos asasinatos de Atocha.

Todo comezou a noite do 24 de xaneiro de 1977, no 3º esquerda do nº 55 da rúa de Atocha. Era o despacho dun grupo de avogados laboralistas do PCE e Comisiones Obreiras. 

En Madrid había unha importante folga do sector do transporte, protagonizada por diversas forzas sindicais, especialmente por Comisións Obreiras, que se coordinaba dende o despacho de Atocha. Esa tarde, tivo lugar unha  multitudinaria reunión nas oficinas para debater un asunto referente á folga.  

Cando esta reunión finalizou, nove persoas quedaron traballando no despacho. Preto das 11 da noite, foron sorprendidas por tres homes armados pertencentes a grupos de ultradereita. Sen darlles tempo a reaccionar, os homes emprenderon a tiros con todos os presentes. A matanza aconteceu moi rápido, dándose os asasinos á fuga antes de chegar a policía.

Os asasinos de Atocha acabaron coa vida de tres avogados, un estudante de dereito e un administrativo: Luis Javier Benavides, Serafín Holgado, Ángel Rodríguez, Javier Sauquillo y Enrique Valdevira. Ademais. feriron a outros catro membros do bufete: Alejandro Ruiz-Huerta, Dolores González, Miguel Sarabia y Luis Ramos.

Ao día seguinte, o Comité Executivo do PCE reuniuse e decidiu non tomar represalias violentas nin provocativas contra os responsables. No seu lugar acordaron levar a cabo unha homenaxe ás vítimas e a condena pública e política do atentado.

Dous días despois, celebrouse polas rúas de Madrid un multitudinario funeral. Centos de milleiros de persoas despediron aos avogados de Atocha asasinados, transmitindo a súa solidariedade e volvendo a clamar pola liberdade. Pero este clamor non se realizou con palabras, senón cun gran silencio. Nin gritos, nin lamentos en voz alta, nin voces de apoio aos sindicatos. Tiña que ser e foi unha manifestación silenciosa e serena, con gritos de rabia, dor e silencio. 

Ademais dunha homenaxe ás vítimas e un exemplo de civismo, tamén foi unha manifestación multitudinaria e unha reivindicación da democracia. 

En marzo de 1977 foron detidos os presuntos implicados na matanza nun bar preto á sede do Sindicato Vertical, no que alardeaban da autoría dos feitos.                                                                                A sentencia do "Xuízo de Atocha" ditouse o 29 de febreiro de 1980, nos seguintes termos: condenouse a Fernández Cerrá e a García Juliá a 193 anos de prisión cada un, como autores materiais do atentado; Francisco Albadalejo Corredera, o autor intelectual, foi condenado a 63 años de prisión, onde permaneceu ata a súa morte en 1985; Leocadio Jiménez Caravaca y Simón Ramón Fernández Palacios, antigos membros de la División Azul, foron detidos por facilitar as armas do crime, pero só o primeiro puido ser xulgado e condenado a 64 anos de prisión; Fernández Palacios faleceu en 1979, antes do xuízo. Por último, Gloria Herguedas Herrando foi sentenciada a un ano de prisión como cómplice.

O 9 de abril de 1977 era legalizado o PCE. O 15 de xuño celebráronse as primeiras eleccións libres neste país e o pobo apoiou a instauración  dunha democracia parlamentaria. O triunfo foi para a Unión de Centro Democrático liderado por Suárez. En decembro de 1978 votouse a Constitución en referéndum, obtendo un respaldo abrumador. Posteriormente convocáronse novas eleccións xerais o 1 de Marzo de 1979 onde a UCD volveu a vencer.

Poderíase dicir que o asasinato dos avogados de Atocha foi un punto clave da Transición, onde rompe a ditadura a favor da democracia. Os avogados laboralistas foron punta de lanza das conquistas das liberdades, xa que 1977 foi o ano da Amnistía, ano no que centos de miles de cataláns reclamaron o Estatut e foi tamén ano no que retornaron miles de exiliados como Rafael Alberti, ano de eliminación da censura de prensa e ano dos pactos na Moncloa, onde o principal obxectivo era buscar estabilizar o proceso de transición cara ao sistema democrático, así como adoptar unha política económica.

Esteban Lugo Padín

2º Bacharelato A

 

Bibliografía

·      “El autor de la matanza de los abogados de Atocha Carlos García Juliá sale de prisión y dice que ya pidió perdón”, rtve.es 19.11.2020. Dispoñible en: https://www.rtve.es/noticias/20201119/autor-matanza-abogados-atocha-carlos-garcia-julia-sale-prision/2057691.shtml

·      “Cuarenta años de la matanza de Atocha” de Los Desayunos de TVE, dispoñible en: https://www.rtve.es/alacarta/videos/los-desayunos-de-tve/cuarenta-anos-matanza-atocha/3881645/

·      Pastor Bermejo, Ana. “El asesinato de los abogados de Atocha, el crimen que puso en jaque la Transición”. infoLibre. Dispoñible en: https://www.infolibre.es/noticias/veranolibre/2020/07/31/el_asesinato_los_abogados_atocha_una_crisis_clave_transicion_109534_1621.html

·      “Los abogados laboralistas del despacho de la calle Atocha, historia viva”. Fundación Abogados de Atocha de CCOO  de Madrid. Dispoñible en: http://www.fundacionabogadosdeatocha.es/webabogadosdeatocha/Conocenos:Historia_de_los_Abogados_de_Atocha:288903--Los_abogados_laboralistas_del_despacho_de_la_calle_Atocha,_historia_viva

·      Giménez Martínez, Miguel Ángel. “EL SINDICALISMO VERTICAL EN LA ESPAÑA FRANQUISTA: PRINCIPIOS DOCTRINALES, ESTRUCTURA Y DESARROLLO”. Instituto de Investigaciones Jurídicas. Dispoñible en: https://revistas.juridicas.unam.mx/index.php/historia-derecho/article/view/10213/12239

·      “La matanza de los abogados de Atocha: la barbarie que pudo tumbar la democracia española”. ABC.es11/09/2019. Dispoñible en https://www.abc.es/historia/abci-matanza-abogados-atocha-barbarie-pudo-tumbar-democracia-espanola-201908141430_noticia.html?ref=https:%2F%2Fwww.google.com%2F

·      “Pactos da Moncloa” de Wikipedia. Dispoñible en: https://gl.wikipedia.org/wiki/Pactos_da_Moncloa

·      Alfeirán Rodríguez, Xosé, Ana Brea Pedreira, Ana Romero Masiá (2016), Historia de España, A Coruña, Ed. Baía Edicións.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

La Constitución de 1931