Robert Capa, lendario fotógrafo de guerra


Endre Ernő Friedmann, o fotógrafo de guerra que se esconde baixo o pseudónimo Robert Capa, naceu en 1913 en Budapest no seo dunha familia xudía que gozaba dunha boa posición económica. Porén, esa boa posición viuse interrompida pola depresión económica de 1929, coñecida como o crac do 29. Ese mesmo ano a situación política empeora en Hungría debido á imposición dun goberno fascista. En 1930, Endre é capturado e ferido pola policía mentres participaba nunha protesta contra o réxime. O día seguinte abandona o seu país e marcha a Berlín. 

Tras o seu paso por Alemaña, foxe dos nazis e trasládase a París, onde coñece ao fotógrafo David Seymour (máis coñecido como Chim), quen lle consegue traballo como reporteiro gráfico na revista Regards para cubrir as mobilizacións da Fronte Popular. En París coñece tamén á fotoperiodista alemá Gerta Pohorylle, coñecida polo seu pseudónimo Gerda Taro, que tamén trataba de escapar do nazismo e que acaba por converterse na súa compañeira sentimental e profesional. 

Estes tres fotógrafos de guerra compartían unha serie de características. Todos eles eran xudeus, defendían a república, tiñan un afán por documentar a loita contra o fascismo e traballaban baixo pseudónimos (Capa, Taro e Chim). Ademais, os tres morreron traballando: Taro na batalla de Brunete (Madrid), Capa en Vietnam e Chim en Exipto. Desta maneira, arriscaron a vida para que as súas imaxes chegaran aos lectores e a poboación fose consciente do que estaba a acontecer nos campos de batalla. 

Friedmann e Pohorylle comezaron a traballar xuntos baixo un nome común, Robert Capa, o cal empregaron para comercializar as imaxes de ámbolos dous. Por esta razón non se sabe con exactitude que imaxes foron realizadas por Taro e cales por Capa, aínda que hoxe en día estanse a estudar as características de cada un deles co obxectivo de poder descubrir se existen atribucións incorrectas. Así, os expertos indican que existe unha preferencia polas paisaxes nítidas por parte de Taro, mentres que Robert Capa amosa un gusto pola nebulosidade nas imaxes para provocar sensación de movemento. 

Ao estoupar a Guerra Civil Española en xullo de 1936, a parella trasládase a España para cubrir os principais acontecementos da contenda española. Desde o lado republicano, estiveron presentes nas principais frontes do combate. Unha das fotografías máis famosas de Capa e da Guerra Civil Española, coñecida mundialmente, é a titulada Morte dun miliciano, tomada en Espejo, na fronte de Córdoba, o 5 de setembro de 1936. Nela aparece un combatente no momento no que presuntamente recibe unha bala do inimigo. Algúns dubidan da veracidade desta fotografía e defenden que é unha montaxe, mais isto non impide que se converta nunha icona da fotografía de guerra. 

Taro morre en Madrid en 1937 nun accidente atropelada por un carro de combate. En 1938, tras a súa morte, Robert Capa publica o libro Death in the making en EEUU, no que aparece o seu traballo e tamén o dos seus dous compañeiros. A publicación do libro por parte dos EEUU nun ano no que aínda non rematara a guerra en España é mostra de apoio dunha parte do país americano á España republicana. O libro mencionado, ademais das imaxes, conta con anotacións en forma de diario por parte de Capa. 

Durante a Segunda Guerra Mundial, Endre estivo presente nos principais escenarios bélicos, como por exemplo no desembarco de Normandía (6 de xuño de 1944). Ao rematar a guerra volve a París e en 1947 funda, xunto con Chim, Cartier-Bresson, Rodger e Vandivert, a axencia Magnum Photos, que reunía a fotógrafos independentes de todo o mundo. 

En 1954, Howard Sochurek, fotógrafo da revista Life que cubría desde facía varios meses a guerra de Indochina, tivo que regresar a Estados Unidos, e o editor da revista convenceu a Capa para que lle substituíse na fronte. Un día, mentres acompañaba a unha expedición do exército francés por unha perigosa zona boscosa baixo fogo en jeep, Capa decidiu baixarse e adiantarse a pé para fotografar o avance. Nese momento o pelotón escoitou unha explosión. O fotógrafo pisara unha mina que lle voou a perna e lle produciu unha grave ferida no peito. Foi levado rapidamente en ambulancia, pero morreu camiño ao hospital. 

Robert Capa deixou 70.000 negativos, reunidos ao largo de vinte e dous anos de carreira (1932-1954), o que o converte nun dos fotógrafos de guerra máis importantes da historia. 

María Pardo Ventureira

2º Bacharelato A

Bibliografía
“Robert Capa”, dispoñible en: https://es.wikipedia.org/wiki/Robert_Capa Morte dun miliciano, dispoñible en: 

https://elpais.com/diario/2008/12/16/cultura/1229382004_850215.html
“Robert Capa, imágenes y palabras a favor de una república” de Gloria Crespo Maclennan, El País, dispoñible en: https://elpais.com/cultura/2020/10/22/babelia/1603361507_351615.html
“Gerda Taro, la fotoperiodista que murió en la Guerra Civil de España y ayudó a crear a Robert Capa”, BBC News Mundo, dispoñible en: https://www.bbc.com/mundo/noticias-47693745
Gómez, Raquel (2014), “Robert Capa, las paradojas de un fotógrafo bipolar en la Guerra Civil Española”, 
Eu-topías

Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

La Constitución de 1931