O ascenso de Franco ao poder


A Guerra Civil española comezou o día 18 de xullo de 1936 debido á sublevación dos militares, que se sentían ameazados ante os supostos extremismos de esquerdas do Goberno da República.

A sublevación militar tivo lugar en Melilla o 17 de xullo de 1936, día en que as tropas da Lexión e dos Regulares se fixeron rapidamente co poder en Marrocos. A mañá do 18 de xullo, Franco, que se atopaba en Canarias naquel momento, felicitou aos sublevados, autonomeouse xefe das tropas de África e decretou o estado de guerra en Canarias e Marrocos. Por suposto, asegurouse de emitir a noticia do alzamento militar aos españois para que ninguén se quedase sen saber o que estaba a acontecer baixo o seu mando. Entre o 18 e o 19 de xullo, tras recibir a gran noticia, os militares conxurados tamén se alzaron en distintas cidades da Península intentando facerse co poder, imitando o que fixeran o día anterior os militares de Melilla. Nalgúns casos triunfaron, mais noutros as forzas republicanas conseguiron salvar as súas cidades. Deste xeito, os españois quedaban enfrontados en dous bandos militares e civís: o “nacional” e o republicano.

Pouco a pouco o bando nacional foi evolucionando, pois contaba coa forza aglutinante do exército, mentres que o bando republicano se ía facendo cada vez máis débil. Como mostra da súa evolución política, os militares sublevados crearon a Xunta de Defensa Nacional en Burgos o 24 de xullo, institución composta principalmente por xenerais e creada co obxectivo de coordinar o bando nacional baixo un mando único. Desta maneira, estarían máis organizados. O candidato para asumir o mando foi o xeneral Francisco Franco. 

Esta Xunta sentou as bases do novo Estado que se estaba construíndo fronte ao Goberno republicano. Algunhas das medidas que tomou esta Xunta e que debían cumprirse nos seus territorios foron: restablecer a bandeira bicolor como bandeira de España, declarar ilegais todas as forzas políticas que formaran parte da Fronte Popular e nomear a Franco xefe de Goberno.

Franco foi nomeado xefe de Goberno do novo Estado o 29 de setembro de 1936, sendo comunicada a noticia polo Boletín Oficial da Xunta de Defensa Nacional o día 30. Foi o 1 de outubro cando tomou posesión dos cargos, día que un ano despois o Boletín Oficial Do Estado estableceu como “Festa Nacional do Caudillo”, en conmemoración á data na que Franco foi nomeado xefe de Goberno do Estado e Xeneralísimo. Non foi nomeado xefe de Estado directamente porque aínda non estaba consolidado ese novo Estado que estaba a formar. Apréciase aquí o paso do nome do Boletín Oficial da Xunta de Defensa Nacional a Boletín Oficial do Estado. Isto sucede porque entre 1936 e 1937 Franco disolveu a Xunta de Defensa e rematou de crear o novo Estado. O nome de “Caudillo” refírese a Franco polo significado da palabra, que fai referencia a un home que encabez un grupo, comunidade ou corpo (un líder). Ao igual que Hitler era coñecido como Führer e Mussolini como o Duce, a Franco empezou a coñecérselle como o Caudillo.

Co tempo, o Caudillo foi concentrando todos os poderes na súa persoa ata asumir o poder supremo. A Guerra Civil rematou o 1 de abril de 1939, cando o bando nacional acabou de invadir todos os territorios españois. Os principios básicos do novo Goberno eran: autoridade, xerarquía e orde, abolición dos Estatutos de Autonomía, uniformidade da lingua, etc.

Aínda que fai moitos anos destes sucesos, aínda quedan vixentes moitas medidas tomadas na época, pois ninguén se dignou, por exemplo, a cambiar outra vez a bandeira bicolor tras o franquismo.

María Pardo Ventureira


Bibliografía

·       Alfeirán Rodríguez, Xosé, Brea Pedreira, Ana e Romero Masiá, Ana (2016), “Segunda República e Guerra Civil”, Historia de España, A Coruña, Ed.Baía.

·       Decreto 138 do Boletín Oficial de la Junta de Defensa Nacional, número 32 (30.9.1936), dispoñible en: https://www.boe.es/buscar/gazeta.php?lang=es .

·       Orde pola que o 1 de outubro se proclama "Día Nacional del Caudillo", Boletín Oficial del Estado, número 343 (28.9.1937), dispoñible en: https://www.boe.es/buscar/gazeta.php?lang=es .

·       Pérez García, Pilar, “Franco, jefe del Estado”, Fundación Nacional Francisco Franco, dispoñible en: https://fnff.es/historia/36293117/franco-jefe-del-estado.html.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Batalla de Vigo (18/28 de julio de 1936)

O atentado de Hipercor (19.7.1987)

La Constitución de 1931